terça-feira, 13 de maio de 2014

VISITAS DE ORIENTACIÓN PROFESIONAL 2014 I

Pois estivemos de visita na Fundación TIC. Coñecemos un plató de televisión, unha unidade móbil, entendimos como se facía a realización dos programas... Foi unha mañá ben interesante como podedes ver
nestas fotos:




Tamén podedes ver unha reportaxe da nosa visita  neste enlace:
O CPI DR. López Suárez de Friol visita a Fundación TIC

E ao final....Unha sorpresa! Grabamos este informativo

FORMACIÓN PROFESIONAL

Realmente é moi dificil decidir entre tantas familias e tantos ciclos diferentes como hai dentro da Formación Profesional, por iso queríamos deixarvos aquí o enlace da páxina de Consellería de Educación onde podedes atopar toda a información que necesitedes tanto para tomar a decisión como para coñecer os prazos de matricula, listados de admisión, etc.

http://www.edu.xunta.es/fp/

VISITAS DE ORIENTACIÓN PROFESIONAL 2014 II

Pois fomos á Escola de Artes e ao IES As Mercedes de visita, e tamén coñecemos os ciclos de Hostelería que hai no IES San Xillao, onde disfrutamos dunha estupenda comida. Foi un día interesante onde aprendemos moitas cousas, vimos estudos moi diferentes que nos fixeron dubidar de a que dedicarnos....
Pero tivemos un fallo gordísimo. Fomos visitar un centro onde hai un ciclo superior de fotografía, e non levamos cámara de fotos!!!!!, así que só queda o testemuño destas fotos mal sacadas cun móbil.






segunda-feira, 12 de maio de 2014

UNIVERSIDADES GALEGAS

Para quen teña a idea de ir a universidade, aínda que vos queda pasar polo Bacharelato, estaría ben que empezarades a pensar en que carreira universitaria ides elixir. Pode ser importante para determinar que materias escolleredes o próximo curso no Bacharelato; por iso queríamos deixarvos aquí uns enlaces das tres universidades galegas onde veredes as súas respectivas ofertas educativas, entrando en cada titulación podemos ver que materias se cursan, cales serían as ocupacións profisionais máis relacionadas...


http://www.usc.es/es/titulacions/titulac1e2ciclo.htmlhttp://estudos.udc.es/es/degrees



E para quen queira buscar estudos fóra de Galiza deixámosvos un enlace dunha páxina que funciona como buscador de estudos de grado, masters e cursos de doutoramento, pincha aquí e segue buscando.

segunda-feira, 4 de junho de 2012

terça-feira, 15 de maio de 2012

COMO É A PROBA DE ACCESO Á UNIVERSIDADE?

A Proba de Acceso á Universidade(PAU), o que normalmente chamamos selectividade é un exame que temos que pasar para acceder á universidade despois de ter aprobado o 2º curso de Bacharelato. 
Imos comentar sinxelamente como é a estrutura da proba, tedes máis información nos enlaces que proporcionamos.
A selectividade ten dúas partes: 
1. FASE XERAL (Obrigatoria) que contén 5 probas:
  • Lingua Castelá e Literatura
  • Lingua Galega e Literatura
  • Historia de España ou Filosofía
  • Lingua Estranxeira
  • Unha materia de 2º de Bacharelato propia da modalidade elixida por cada alumna/o.
2. FASE ESPECÍFICA (Voluntaria)
 Pódense facer como máximo 4 materias de 2º de Bacharelato entre as propias da modalidade.

Cada proba da FASE XERAL calificarase de 1 a 10  con dúas cifras decimais e a cualificación total será a media aritmética destas cinco probas expresada de forma numérica con tres cifras decimais. Para poder superar a selectividade é necesario obter polo menos 4 puntos nesta fase. Considerarase superada se obtemos unha nota igual ou superior a 5 puntos despois de facer a ponderación de 60% a nota do Bacharelato, 40% a nota da fase xeral.
A nota media do Bacharelato será a media aritmética de todas as materias cursadas agás as ensinanzas de relixión.
A NOTA DE ADMISIÓN para as carreiras con límite de prazas obtense coa seguinte fórmula:
Nota de admisión= 0,6*NMB+0,4*CFX+a*M1+b*M2
NMB= Nota media do Bacharelato
CFX= Cualificación da Fase Xeral
M1, M2= As dúas materias da fase específica que proporcionen mellor nota de acceso
a, b= Factores de ponderación das materias segundo a carreira escollida.
A nota máxima que se podería obter deste xeito sería 14

terça-feira, 1 de maio de 2012

PREMIO BLOG ORIXINAL

Con canta ilusión recibimos este premio das mans do Blog do CPI de Panxón, que é un dos nosos Blogs favoritos e desde logo, un exemplo a seguir.
Ao recibir este premio temos que cumprir tres condicións:
A primeira: nomear a quen nolo deu, algo que vimos de facer.
A segunda: dicir unhas palabras para definirnos, uff! que dificil!!! Neste mundo bloguero aspiramos a recopilar e organizar información e recursos que circulan pola rede, de xeito que poidan ser útiles á nosa comunidade educativa.
A terceira: Darlle este premio a outros dez blogs. Imos repartir cinco para blogs do noso centro e os outros cinco para outros blogs de Orientación.
Os do noso centro, que teñen moita máis solera e categoría que o noso:
O Blog da Biblioteca
O Blog do Proxecto Interdisciplinar
Abalar en Friol: Aula Aberta
Friol: Algo máis que pan e queixo
Blog de Lingua Galega

Os de Orientación:
En primeiro lugar está Barbón Blog, o blog de Daniel Veiga, grazas ao que naceu este o noso blog por ser o profesor do curso de Platega "Introdución das TIC nos Departamentos de Orientación" onde o iniciamos.
E estes catro blogs que seguimos e dos que sacamos moitas ideas e información:
Orientación Educativa y Tutoría
Orientablog do CEIP Isaac Peral
Blog de Orientación Educativa
Blog de Orientación do IES Alfoz-Valadouro

domingo, 22 de abril de 2012

UNHA ESTUPENDA ACHEGA Á EDUCACIÓN INFANTIL



Descubriunos este blog de Educación Infantil o profe de Plástica de Secundaria. Pode que chegase a el grazas ao suxerente título que ten: InnovArte, en todo caso foi un feliz achádego, ademais de múltiples ideas de actividades, ten reflexións moi interesantes sobre o traballo en Infantil e sobre a educación en xeral. Resulta visualmente atractivo e está ben organizado. E por se fose pouco está en galego, así que non podedes perdelo. Merece a pena consultalo de vagar.

quarta-feira, 11 de abril de 2012

TÉCNICAS DE ESTUDO ON-LINE


Esta é unha aplicación moi completa de técnicas de estudo on-line, incluíndo técnicas para mellorar a lectura e a memoria. Utilizada de forma continuada en pequenas doses pode producir efectos moi interesantes na mellora dos nosos resultados académicos.
 Para entrar pincha aquí.

ESCOLA DE ARTE E SUPERIOR DE DESEÑO DE LUGO

A Escola de Artes e Superior de Deseño "Ramón Falcón" de Lugo ten unha oferta educativa que vai desde Ciclos de Grado Medio e Ciclos de Grado Superior de Artes Plásticas e Deseño a Estudos de Grao de Deseño de Interiores e Deseño Gráfico.

É interesante darse un paseo pola súa páxina web e aínda máis polas súas instalacións, situadas nun dos edificios arquitectonicamente máis interesantes e integrados no seu entorno, da cidade de Lugo.

quarta-feira, 4 de abril de 2012

ESCOLA SUPERIOR DE ARTE DRAMÁTICA

Xa que no CPI Dr. López Suárez de Friol temos un gran grupo de teatro, pode que a algunhas das que pertencedes a el se vos ocorra estudar Arte Dramática despois do Bacharelato, e pode que tamén a algún ou algunha que aínda non se atreveu. A Escola Superior de Arte Dramática está en Vigo e alí podedes obter o título de Grao en Arte Dramática en tres especialidades:
  • Dirección escénica e dramaturxia
  • Escenografía
  • Interpretación
É necesaria unha proba de acceso da que tedes as bases na mesma páxina web. Hai que inscribirse no terceiro trimestre de 2º de Bacharelato e adoitan ser a finais de xuño ou principios de xullo.
Animádevos e a ver se despois nos convidades a asistir á entrega de premios María Casares cando esteades nominadas!.

quinta-feira, 29 de março de 2012

PONDERACIÓN DAS MATERIAS DE BACHARELATO

QUE MATERIAS ELIXIR EN BACHARELATO?


Como sabedes as materias que cursades en Bacharelato contabilízanse dunha maneira ponderada para a entrada nas carreiras que teñen restricción de prazas. Hai unha serie de materias que multiplican a nota por 0,1, as que se consideran menos relacionadas coa carreira e outras por 0,2, as que se consideran máis relacionadas coa carreira. Pinchade aquí para ver toda a información para o curso 13-14

quarta-feira, 28 de março de 2012

INSTITUTOS DE LUGO


 Deixamos nesta entrada a relación dos centros de Bacharelato e Formación Profesional de Lugo nos que podedes continuar os vosos estudos. Van os enlaces ás súas páxinas web, entrade e curioseade, son como xanelas que nos permiten coñecer algo mellor estes centros antes de elixir cal escollemos.

domingo, 18 de março de 2012

BLOG "TÉCNICAS DE ESTUDIO"


Escollemos este blog para comentar, porque nos pareceu que tiña moitas entradas nas que explicaba moi sinxelamente todos os aspectos que habitualmente traballamos en relación ás técnicas de estudo. Aínda que pode dirixirse tamén a outros niveis educativos está perfectamente adaptado para o noso alumando da ESO. Pode ser de utilidade para orientación, titorías e para o propio alumnado que o queira consultar. Ten a desvantaxe de que non se actualiza desde hai xa bastante tempo, aínda que as súas entradas non caducan, é unha pena que non achegue recursos novos que poidan estar xa na rede. Tamén é certo que só ten unha orde cronolóxica das entradas, sen etiquetas organizadoras, pero aínda así resulta fácil encontrar a información polos títulos das entradas.
Gustounos especialmente unha entrada titulada El método, na que explica de maneira clara e simple o mesmo que lle contamos a todo o alumnado que pasa polo Departamento de Orientación porque “non sabe estudar”.

DESCUBRINDO SCOOP.IT


Despois de revisar todas as entradas que nos ofrece o marcador social sobre TICs e Orientación e dándome conta que a información que nos aportan entre todas é moi valiosa,  escollín esta entrada porque me resultou máis atractiva. Na maioría ofrécennos moita información en formatos de texto, presentacións… á que volverei con seguridade para seguir adestrándome neste mundo da web 2.0, pero á marxe da información incluída, cativoume o formato e intereseime pola ferramenta.
SCCOP.IT é unha nova forma de compartir contido na web. Hai versión gratuíta e de pago. É como unha revista de contidos sobre un tema que nós eliximos, un servizo de selección e recompilación de contidos actualizada, na xíria da internet chámanlle a isto “curación” de contidos. Decidimos un tema e podemos engadir todo tipo de contido, ben da rede, ben na nosa creación. Se engadimos enlaces, dependendo de a onde se dirixa a url que introducimos extraeranse e publicarase automaticamente as imaxes e reseñas que estean incluídas nese recurso como presentación. Comparte tamén características de rede social porque podemos seguir e ser seguidas por outras persoas usuarias. Resulta unha páxina moi visual e dinámica e pode supoñer moi pouco esforzo simplemente ir seleccionando os enlaces máis interesantes que atopamos navegando, pero que poden resultar de moita utilidade á xente que comparta os nosos intereses e/ou profesión.

sábado, 17 de março de 2012

DOUS BLOGs DE ORIENTACIÓN



Vou comentar nesta entrada dous blogs de orientación. Mirei bastantes e atopei realmente entradas moi interesantes, pero decidinme por estes en parte porque son de centros de Galiza e están en galego. Ademais un deles é dun CPI, como o noso, que é un tipo de centro singular, e o outro é dun Departamento de Orientación compartido entre dous CEIPs. A verdade é que o que máis atopamos son blogs de Institutos, que teñen ESO, BAC e FP na maior parte dos casos e con contidos moi centrados na orientación académica e profesional, que aínda parecéndome moi útiles como recurso que utilizarei, non é o que máis nos ocupa ás orientadoras e orientadores dos CPIs.
O blog do Departamento de Orientación do CEIP A Rúa e do CEIP O Hío, serve de punto de referencia para as dúas comunidades educativas ás que se ten que dirixir. Aínda que non permite comentarios nas súas entradas, ten un servizo de axuda ao vivo, que pode resultar moi interesante, máis neste caso onde a persoa responsábel do departamento está uns días nun centro e outros noutro. Pareceunos moi completa e interesante toda a información publicada dentro da categoría de Orientacións para nais e pais, tamén a información para as titorías pareceunos de moita utilidade.  Outro apartado que está bastante completo é o de  Audición e Linguaxe. 

O blog do CPI de Panxón  ten moita información, variada e ben organizada, presentada utilizando moitos recursos visuais. En cada entrada suxire outras relacionadas que nos poidan interesar, o que resulta moi util para navegar polo blog. Ademais das entradas propias presenta numerosos enlaces de interese e rutas de información moi ben categorizadas. Trátase dun  blog moi elaborado. Diríxese ao profesorado, ás familias e ao alumnado de 3º e 4º da ESO no relativo á orientación académica e profesional.

TEST ON-LINE DE INTERESES PROFESIONAIS

Atopamos na rede este test fácil de usar que nos proporciona en pouco tempo o noso perfil de intereses profesionais, propoñéndonos unha serie de profesións axeitadas a ese perfil.
Se queres realizalo pincha aquí.

sexta-feira, 16 de março de 2012

terça-feira, 13 de março de 2012

REFLEXIÓN SOBRE BLOG III

 Daniel Veiga

Para comezar atopamos no artigo as vantaxes xerais que supón o uso de blogs no sistema educativo: en primeiro lugar é unha ferramenta sinxela, rápida e sen costo para publicar en internet. Ten a posibilidade de que as persoas visitantes participen o que a converte nunha plataforma interactiva. Por outra parte é tamén moi interesante o uso da sindicación de contidos doutros blogs.  
No que se refire ás aportacións pedagóxicas do uso educativo do blog destaca que posibilita e potencia a alfabetización dixital do alumnado; aporta unha dose de motivación engadida para as aprendizaxes de lectura e escritura. Tamén actúa como un reforzador positivo porque a publicación inmediata aumenta a sensación de éxito, axuda na creación de redes virtuais na aula e permite a formación audiovisual. É un verdadeiro caderno de bitácora da actividade realizada na aula.
 En definitiva o blog pode convertirse nun verdadeiro espazo de aprendizaxe. Desde a perspectiva do departamento de orientación, ademais do campo da orientación académica e profesional no que pode ser unha ferramenta moi útil ao poder actualizar a información continuamente e almacenar mediante enlaces todas as rutas formativas que o noso alumnado desexe transitar, pode ser interesante como propón o artigo unha primeira orientación pola propia internet e a web 2.0.  toda unha selva de contidos e aplicacións que precisan como a propia vida manual de uso.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...